Sunday 19 de May de 2024

Inés Rey: ”A refinaría da Coruña supúxolle a Repsol grandes beneficios ao longo de todos estes anos e a evolución enerxética debe abrir novas vías de empregabilidade”


Rey recordou que o modelo de transición enerxética precisa dun fortalecemento do persoal traballador e “non debe ser a razón para que o emprego diminúa”
A alcaldesa, Inés Rey, expresou hoxe o seu apoio ás traballadoras e traballadores e mais ás súas familias ante a decisión do Grupo Repsol de levar a cabo un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) na Refinaría da Coruña por causas produtivas derivadas da pandemia do coronavirus para un máximo de 212 traballadoras/es, o que supón o 31% do cadro de persoal.
A rexedora puxo o Concello ao dispor das persoas afectadas polo ERTE e recordou que o modelo de transición enerxética precisa dun fortalecemento do persoal traballador: “non debe ser a razón para que o emprego diminúa”. Confía en que a situación da planta da Coruña sexa temporal e recupere a normalidade co proceso de vacinación da Covid, que paliará os efectos económicos da crise actual.
Deste xeito, confía en que a empresa atope medidas temporais para evitar a baixada de consumo e a situación pandémica mentres a normalidade se vaia restablecendo. Por iso, a alcaldesa agarda que as negociacións do expediente culminen dunha forma xusta para todas e todos e lembrou que a Refinaría da Coruña lle supuxo ao longo de todos estes anos grandes beneficios a Repsol e que  esa evolución enerxética debe repercutir en novas vías de empregabilidade e actividade industrial.
Inés Rey é consciente do momento actual que afecta á mobilidade e ao transporte e que repercute, en particular, ás compañías que se dedican ao procesamento e comercialización de combustible.
A alcaldesa cualificou o anuncio como “unha decisión moi preocupante para o sector industrial” e ínstalle á empresa a garantir a continuidade dos postos de traballo xa que entende que o futuro da compañía está fóra de toda dúbida.
O Goberno local entende que, segundo anunciou o Goberno central, o remate do estado de alarma provocará un aumento no consumo de petróleo derivado dunha maior mobilidade e polo tanto haberá unha maior demanda na refinaría coruñesa.
Esíxelle á empresa que garanta os investimentos previstos nas instalacións nos próximos anos, o que suporá a consolidación dos postos de traballo e influirá decisivamente no futuro industrial da cidade.